Fucus serratus

Fucus serratus é unha alga mariña do norte do océano Atlántico coñecida como carballa ou bocho.[1][2] É de cor acastañada olivácea e similar a F. vesiculosus e F. spiralis. Crece dun pé discoide e as frondes son planas, duns 2 cm de anchura, bifurcadas e de até un 1 m de longo incluíndo un curto estipe. Ramifícase dicotomicamente de forma irregular. A fronde ten un nervio central e é facilmente distinguible doutras especies relacionadas polo seu bordo aserrado. Non ten vesículas cheas de gas, como as atopadas en F. vesiculosus, e tampouco se retorce en espiral como F. spiralis.

Os corpos reprodutivos fórmanse en conceptáculos situados no interior de receptáculos próximos ás puntas das ramas. Nestes conceptáculos prodúcense oogonios e anteridios, que despois da meiose son liberados. Prodúcese a fertilización e desenvólvese un cigoto que crece directamente nunha planta que constitúe o esporófito diploide.

  1. Alan P. Major (1977). The book of seaweed. Gordon Cremonesi. ISBN 0-86033-046-X. 
  2. "Dicionario de alimentación e restauración" (PDF). p. 52. Consultado o 8 de agosto de 2020. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search